Get Even More Visitors To Your Blog, Upgrade To A Business Listing >>

Co gallo do centenario da fundación do nacionalismo galego: Revisitando ao mestre Vicente Risco (I)

Os días 17 e 18 do mes de San Martiño de 1918 axuntáronse na Asemblea de Lugo os persoeiros das Irmandades da Fala e asentaron o baseamento do que coñecemos como nacionalismo galego. Os nacionalistas de hoxe celebran en capela cáseque ardente os fastos do centenario de tal acontecemento. Non podía ser doutro xeito. Cen anos despois, o nacionalismo galego non está para tirar foguetes.

Foi na Asemblea de Lugo donde xurdiu un programa político que a partires da definición de Galicia como nación, prantexábase acadar as maiores cotas de autonomía e a incorporación na Federación da Iberia. Todo isto sen afastarse de "Hespaña", polo menos no papel.

Revisito o Programa de Lugo de 1918 da man do mestre Vicente Risco, moi fondamentado no seu libro "Teoría do nacionalismo galego", publicado no 1920. Na nosa opinión, Risco é o intelectual de maior cultura, amplitude de miras, fondo coñecemento cultural, étnico, de Galicia e maior perspeitiva política de toda esa élite coñecida como Xeneración Nós. Moi por riba de Castelao, Risco foi submetido a lei do silencio por ser un home de pensamento cosmopolita e conservador e por non ter dúbidas en posicionarse no bando nacional tralo estoupido da Guerra Civil en 1936. O culto a Castelao quede pois en mans doutros exégetas...

Cen anos despois, o Programa de Lugo enfróntase á cita coa historia... O balanzo non é favorábel aos petrucios de Lugo. A autonomía lograda por Galicia non solucionou os problemas que apontaban os asembleístas de hai 100 anos. E a vontade de nación nunca foi asumida políticamente por parte do pobo galego. No interín, a recente xeración nacionalista tampouco dá a talla: faille as beiriñas ao arredismo (soberanismo), rinde culto aos independentistas vascos e aos golpistas cataláns, mentres vexeta no Parlamento de Galicia con 6 deputados irrelevantes, ou navega á deriva levado e traído polas cambiantes Mareas da costa galega, ou remata esfarelada en micropartidos necesitados dunha concentración parcelaria.

VONTADE DE NACIÓN

Risco escrebe na "Teoría do nacionalismo galego" que a condición de nación non necesita para realizarse nen a autonomía política dun Estado nen a independencia para expresar toda a forza e desenvolver o potencial da mesma. Maís consideraba imprescindíbel a vontade de nación, eso que Risco chama "sentimento nacional". E  razonaba á inversa: "a autonomía máis integral e máis completa, a mesma independencia política, non abonda con elas para facer unha nación". E clarexa no canto de que "a arela nosa non é separatista. As reivindicacións que nós engadimos ao programa meramente rexionalista dos nosos devanceiros, non atentan en nada á soberanía política do Estado hespañol (sic)".


Risco dalle tanta importancia ao "sentimento nacional" que se pregunta se en Galicia hai vontade de ser nación. Respóstase a si mesmo: "Haina"...Aínda que considera en 1920 que tal "vontade nacional" está "esquecida nos tráfegos do vivir cotidián, dormida no fondal das concencias, subvertida polas argalladas dos políticos de profesión, asoballada na servidume política e social, pero haina..." Non basta pois con ter unha língua, unha cultura, un territorio, unha historia común para que se exprese unha nación.

Entón asínalle a "élite nacionalista, minoría intelectual chea de esprito do seu tempo..." a "misión de crear en Galicia a vontade nacional".

Penso que os feitos demostran que cen anos despoís o povo galego non expresa esa "vontade nacional" nos termos dos que falaba Risco. O povo galego permanence fiel a España. Centos de enquisas teñen rexistrado ao longo do tempo que aquí sentímonos tan españois como galegos, e que só unha minoría irredenta quer ser só galega e independizarse de España.

Ese gran traballo de enxeñería social, de construir unha vontade de nación, fracasou en Galicia mentres tivo relativo éxito en sitios como Euskadi e Cataluña.


Na segunda parte deste escrito descobriremos que ese bálsamo de Fierabrás que ía sanar os males de Galicia tampouco fixo tal: a autonomía política.


This post first appeared on Instituto De PNL, Neurocoaching & Salud Integral, please read the originial post: here

Share the post

Co gallo do centenario da fundación do nacionalismo galego: Revisitando ao mestre Vicente Risco (I)

×

Subscribe to Instituto De Pnl, Neurocoaching & Salud Integral

Get updates delivered right to your inbox!

Thank you for your subscription

×